Monday 20 de May de 2024

Feijóo avanza o Plan Galego de Política Familiar, con máis de 170 medidas de axuda ás familias


Precisa que o texto “será presentado de forma inmediata ás organizacións e entidades que traballan neste sector para buscar o maior acordo posible”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello o Plan Galego de Política Familiar, cuxo borrador “será presentado de forma inmediata ás organizacións e entidades que traballan neste sector para buscar o maior acordo posible”. “Estamos a falar dun instrumento de axudas ás familias”, engadiu. O Plan Galego de Política Familiar, apuntou Feijóo, “posúe 177 medidas que inciden en seis áreas de actuación: convivencia familiar, educación, conciliación, saúde, vivenda e ocio e deporte”.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o plan contén seis obxectivos xerais: dotar ás familias que máis o precisen de recursos; dar resposta ás necesidades das familias que teñen unha situación especial aínda que sexa excepcional; establecer mecanismos para o apoio á maternidade e á paternidade; establecer os mecanismos para o apoio á maternidade e a paternidade; facilitar a conciliación da familia tanto no laboral como no persoal; promover novos modelos de educación familiar para mellorar as pautas na crianza dos menores; e tamén sensibilizar a sociedade da importancia da familia e a súa incidencia no estado de benestar.

Se ben esta iniciativa será presentada ao sector antes da súa aprobación definitiva, o responsable do Goberno galego destacou algunha das medidas que prevé. E, neste liña, salientou a creación dun rexistro de familias monoparentais e un sistema de beneficios para estas familias; o fomento e ampliación dos programas de mediación familiar e a potenciación da creación de centros de primeiro ciclo de educación infantil en contornos empresariais.

Así mesmo, o plan contempla a posta en marcha de programas de voluntariado en familia nos proxectos dependentes da Xunta e a bonificación de prezos para as familias en situación de dificultades socioeconómicas.

Segundo informou o presidente da Xunta “a Consellería de Traballo e Benestar lanza este plan a partires de agora e iremos informando do seu resultado e por suposto terá que volver ao Consello para a súa aprobación”.